NOTA DE PRENSA
-
O Concello de Ponteareas acollerá a cuarta edición da FEGATEA
-
Unha ocasión única para desfrutar da mellor selección de teatro amador
Ponteareas, 02 de xullo de 2024.- Dezaseis pezas de microteatro e unha entrega de premios moi especial para encher de arte e cultura este domingo. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Chelo Pampillón, presentaron “24 anos celebrando o teatro amador” unha ocasión única para desfrutar do teatro ao aire libre no Castelo do Sobroso.
Xunto ao concelleiro de Ensino e Letras, Ricardo González, e o concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, alcaldesa e presidenta presentaron o programa que ofrece dende ás dez da mañá e ata as oito da tarde un total de dezaseis pezas de teatro que nos farán “rir ou chorar, en definitiva sentir porque o teatro comunica e chega a rincóns incapaces de chegar con outras artes. O teatro é vida, unha parte da vida coa que nós queremos encher a nosa vila”, explicaba a alcaldesa en rolda de prensa.
Encher os espazos públicos de actividades que dinamicen a vida social, cultural e económica é unha das apostas deste goberno ao considerar que ademais melloran o día a día das persoas. “Queremos encher de vida e actividade cada espazo de Ponteareas, con formación, con propostas culturais e con iniciativas que mobilicen ás persoas e poñan en marcha este motor que é Ponteareas”.
O Castelo de Sobroso acollerá este domingo día 7 a cuarta edición da FEGATEA con un programa de grupos de teatro afeccionado chegado de todas as provincias galegas, unha selección realizada por un xurado independente que nos achegará á comedia e ao drama con temáticas sociais cun ingrediente común, a creatividade e a imaxinación. Chelo Pampillón adiantaba en primicia que esta será unha edición especial na que premien ao CDG pola súa traxectoria, importancia e apoio ao teatro amador. Ao acto de entrega asistirán o delegado do goberno de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e Francisco Veiga, xefe de produción do CDG, ademais da alcaldesa e alcaldías de toda as comarcas do Condado Paradanta.
“Os grupos que conformamos a FEGATEA son auténticos dinamizadores da cultura e figuras esenciais no tecido cultural de Galicia. Non hai idade para o teatro, nós temos dende cativos a persoas de noventa anos. O teatro é transxeracional tanto dende o punto de vista dos espectadores como das actrices e actores”, sinala Chelo Pampillón.
Ricardo González convida a todos os grupos de teatro de Ponteareas a participar nesta xornada de teatro na natureza e compartir momentos con persoas apaixoadas desta arte. Pola súa banda o concelleiro de Xuventude anima a toda a mocidade a mergullarse nesta actividade divertida presentada pola artista ponteareá Sabela Pereira e que contará con actores e actrices de toda Galicia e de Ponteareas.
Alcaldesa e concelleiros convidan a participar nesta xornada única que celebra a festa do teatro e abre as súas portas nun espazo natural e histórico da importancia do Castelo do Sobroso. Unha actividade totalmente de balde que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e do Concello de Ponteareas.
PROGRAMA
10:00 h Teatro Atlántida de Matamá; Apocalipse Now Redux
10:30 h Abran Paso! Teatro; Heroes en Decembro
11:00 h Teatro Escoitade; Vampiros cada un sabe o que sabe
12:00 h A. D. Pico do Castro; O terapeuta
12:30 h Porta Aberta Teatro; A dous nichos de ti
13:00 h Atrezo Teatro; Uff… Unha experiencia relixiosa
13:30 h Acto de entrega do premio FEGATEA 2024
16:00 h Teatro Escoitade; A Capoeira
16:30 h Atrezo Teatro; Aprendendo a desaprender
17:00 h Tiruleque Teatro; Reencarnación
17:30 h Achádego Teatro; O mundo está mal, e nós peor
18:00 h Avelaíña Teatro, As máscaras de Ibáñez: O Marqués de Sargadelos que nunca foi
18:30 h Teatrino; Pelos, tetas e Borbóns
19:00 h Atrezo Teatro; Eva ou o Eva?
19:30 h Tiruleque Teatro; Gayumbos K.C
20:00 h Porta Aberta Teatro; … E punto!