Sangue, manipulación, desexos carnais, loitas de poder, guerras… A historia repítese unha e outra vez ante a incapacidade humana de aprender dos erros cometidos. Calquera lugar, calquera época, os mesmos conflitos.
Tras a misteriosa morte do seu pai e o apresurado casamento da súa nai co seu tío, Hamlet atópase consumido pola dor. A aparición da pantasma do seu pai revélalle que en realidade foi asasinado, espertando así a súa sede de vinganza. Esta obsesión ten un importante impacto no comportamento do mozo e nas súas relacións, tanto coa súa familia e os seus amigos como coa xoven Ofelia, a súa namorada. Hamlet pasa a ter un único obxectivo e non lle importa o que deba facer para satisfacelo.
Sumidos na convulsa década dos anos 20 e baixo a escura sombra da mafia, a loucura, o amor, a paixón e a necesidade de facer xustiza farán desta atemporal traxedia unha auténtica desfeita.