A multimillonaria Clara Zahanassian regresa á vila da súa infancia, cuxos habitantes viven pobremente e están endebedados, a diferenza das vilas da contorna que si progresaron economicamente.
Clara parece mostrarse xenerosa e ofrece mil millóns de euros á súa vila natal para que solucione os seus problemas, pero cunha condición difícil de asumir por unha sociedade que se considera a si mesma “civilizada, democrática, virtuosa e temerosa de Deus”
Dona Clara Zahanassian (o apelido é unha combinación de Zacharoff, Onassis y Gulbenkian), “a nosa Clariña”, que fuxiu como unha nai solteira menosprezada e arruinada, regresa sendo unha das mulleres máis ricas do mundo, que se relaciona coas personalidades máis influentes e importantes a nivel internacional.
Elías, o home que a abandonou hai 40 anos, é agora un home tan admirado e respectado na súa vila que está a piques de se converter no novo alcalde.
Mentres Elías tenta esquecer todo o que pasou porque “iso foi hai moito tempo”, Clara non é quen de facelo, non pode nin quere esquecer, porque como ela expresa coas súas propias palabras: “O mundo converteume nunha puta e agora eu converterei o mundo nun bordel”
Dona Clara é unha obra perversa, unha traxicomedia onde van aparecendo dun xeito paulatino pero dunha forma inexorable, as debilidades humanas. Os personaxes que imos vendo son persoas perfectamente recoñecibles. Non son malas persoas, pero “a tentación é demasiado grande e a nosa pobreza demasiado amarga”. Por iso non podemos distanciarnos deles, porque se cadra, non estamos seguros de que obraríamos de distinta forma ca eles na mesma situación.







