Catro obriñas de teatro breve enlazadas aos pares por un leve fío que, a partir dunha festa, vai conducindo ao espectador ata unha foliada.
Abrimos con Reencarnación, dramatiza Pepe Prada para presentar unha imaxinaria oficina celestial dende onde se distribúen as almas ao seu destino final segundo o seu comportamento na terra. Os espectadores comprobarán que esta obriña vai ter unha sutil relación con Morreu a tía María, aínda que parece que tal relación non é doada.
Raios e Tronos é un texto orixinal do compañeiro Floro González para dous actores e unha compañía eléctrica, que nos conta como unha familia sofre diversos cortes de luz que lles provocan uns cantos incidentes e accidentes. Esta obra ten unha certa relación con Milhomes, un texto dramatizado por Pepe Prada, que recolle a idea inicial de UN HOME DOENTE de Leandro Carré Albarellos, para amosarnos, a través dunha partida de cartas entre dous homes, a fachendosa presenza dun fanfurriñeiro abusón, que ven sendo como o personaxe do Miles Gloriosus de Plauto. Un bota-pra-fóra, que realmente é un caguiñas.
E rematará o espectáculo con Morreu a tía María, que comeza co pranto das carpideiras pola morte da tía María, chiscándolle un ollo ao texto de Castelao, e vai rematando coa liorta das herdeiras por ver quen se queda co capital. O texto, orixinal de Pepe Prada, aproveita a idea de “Esperando la carroza”, unha obra de teatro de Jacobo Langsner, que máis tarde, e co mesmo título, foi levada ao cine por Alejandro Doria.
Morreu a tía María acadou o I Premio Platta de Teatro Breve – Galicia no ano 2019, sendo editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas na Colección de Erregueté Cadernos Platta 2, en galego, castelán e portugués. Esta é unha adaptación do texto orixinal para Tiruleque Grupo de Teatro.