“Porcos do país” é unha comedia de personaxes na que o espectador poderá acompañar ao Padre Muñoz, o crego da aldea de Eiriñas, no seu soño para reconstruír a súa igrexa. Non ten cartos e viuse obrigado a transformar o templo nun albergue de peregrinos no que el é recepcionista, cociñeiro e encargado da limpeza.
Un día hospédase na súa igrexa unha parella inglesa moi excéntrica e esa mesma tarde chega a aldea o fillo dun antigo veciño que agora é millonario. Estas dúas chegadas son interpretadas polo cura como un agasallo divino que non pode desaproveitar.
O cura tentará por todos os medios estafar aos visitantes coa axuda de dous veciños de Eiriñas, Huguiño, o tonto da aldea, e Pilar, a filla amada e segreda do Padre Muñoz. Cando os seus primeiros intentos fallan, o Padre Muñoz pactará cunha meiga para que lle axude a roubar todos os seus cartos, un pacto que o converterá en millonario ou o levará ata o inferno.