(das Aras) Vidas entre lusco e fusco

» Provincia

» Localidade

Cangas

» Email de contacto

anaiglesiasalvarez@yahoo.es

» Teléfono de contacto

687545818

» Xénero

» Típo de público

» Nº de actores/actrices

» Duración

» Cartaz e Sinopse

Ficha técnica

A obra arranca cun grupo de veciños que na escuridade da noite tenta un enganche desde o alumeado público. A acción é interrompida pola presenza de dúas mulleres, nai e filla que están a apañar leña para sobrevivir.  O conflito colectivo e fío condutor fica presentado, hai un infra-mundo de pobreza agochada na marxinalidade que non vemos ou non queremos ver.
A partir de aquí, a trama desta traxicomedia decorre ao redor de varias historias que, de presentarse de xeito lineal e por separado, poderiamos resumir da seguinte maneira:
    -Venancio, un director de banco e  a súa parella, Piti,  planean unha viaxe. Nos seus plans non entra o seu can e deciden encomendarlle á empregada, Maruxa, que o deixe abandonado. Ocorre que Maruxa, voluntaria ou involuntariamente, esquece de sacarlle a correa co nome do amo e o seu enderezo. O can tivo a sorte de ser atopado e acollido por unha muller. Quen non tivo tanta sorte foi o seu amo. A tal muller (Secuestradora 1) descubriu de quen viña sendo e recoñeceu o nome do director do banco que lle negara a ampliación da hipoteca, polo que perdeu o piso e ficou desafiuzada. Agora ela, axudada polas súas amizades (Secuestradora 2, Ninguén 1, Ninguén 2) decide secuestrar a Don Venancio, non para sacarlle cartos senón para asustalo e facelo consciente do mal que fixera, tanto ao seu can como a ela. Finalmente sóltano e podemos ver que algo cambiou na percepción do mundo do tal banqueiro. Ou non ? Tamén na vida da súa parella, ata agora absorbida por banalidades que compartía coa súa psicanalítica,  empezan a producirse cambios ou preguntas cando busca os consellos da súa empregada para quen até agora nunca tivera atencións. Déixase entrever que hai un antes e un despois do secuestro na vida da parella , mais descoñecemos cal é o decorrer futuro das súas vidas.
-Unhas adolescentes andan aos muxos mandadas polas familias para axudar na casa. Pasan cousas divertidas entre elas e os muxos. Ademais, entre equívocos, o que semella un encontro de botellón vira nunha cata de colacao con galletas, e o que semella unha conversa absurdamente bilingüe leva a unha aceptación do galego como lingua de comunicación entre elas.
-Dous delincuentes, Xico e Rui,  fanse amigos na cela da prisión. Teñen un acordo: non contarse o delito polo que foron condenados para non xulgar nin ser xulgados. Só sabemos deles que Rui foi abandonado pola familia e amizades cando souberon da súa detención mentres que Xico, pola contra, conta cunha familia acolledora que o apoia en todo.  Cando xa andan libres, prodúcese o reencontro de ambos no lar de Xico. Alí, desexan matar a curiosidade e coñecer o delito que cometera cada un. Rui é o primeiro en confesar e, baixo a observación da familia de Xico,  descóbrese que el era un delincuente pouco honrado. Fixérase  rico a base de explotar as mulleres dunha fábrica téxtil, o que lle permitiu tornarse un novo rico fachendoso por ter a casa chea de cadros falsos. A descrición dos mesmos fixo que Xico recoñecese que o cadro falso  que roubara e polo que fora detido, era da casa de Rui, sinalándoo así como culpábel da súa detención. Á familia non se lle ocorreu mellor vinganza—descoñecemos se simbólica ou non—que ameazalo con castigos inspirados en cadros moi coñecidos.
-Dúas veciñas, Bea e Leo,  coñécense casualmente cando unha delas fica de portas para fóra,  ao esquecer as chaves dentro cando ía deixar o lixo. Bea percibe a ansiedade da veciña, ao contarlle esta que no día seguinte tiña unha entrevista de traballo. Necesitaba recuperar as chaves que seguro ían na bolsa de lixo. Cando ambas se dirixen cara a bolsa, atopan a unha muller que, coas chaves na man, remexía na bolsa. Despois dun tira e afrouxa, a muller devólvelle as chaves. En recoñecemento polo xesto, unhas noites despois de  ser admitida no traballo,  Bea déixalle de agasallo a carón do lixo, unha botella de champan.  En canto ás dúas veciñas,  continúan a encontrarse e confesan estar namorada unha da outra. Pero os celos e a desconfianza interpóñense entre elas e descoñecemos como rematou esta historia de amor ou desamor.
    -Tres mulleres pobres (Pobre 1, Pobre 2, Pobre 3) viven na rúa, instaladas nun espazo con todas as “comodidades” dun lar que foron construíndo cos refugallos que a xente deixa no lixo. Reciben a visita dunha administrativa en paro (Pobre 4) que busca un lugar onde vivir.  As moradoras de rúa, despois de enganala con varias brincadeiras, acóllena no seu lar mostrando gran sororidade. Os seus dons de burlonas e boas anfitrioas repítese con outra muller de paso que se perdeu por alí, unha repartidora  que comproba como, a pesares de sentirse un pouco asustada pola esaxerada atención que lle prestan, confésase cansa da precariedade do seu traballo. Estas moradoras de rúa exemplifican o poder do optimismo, solidariedade e  esperanza que lles permite sobrevivir ante as adversidades. Elas serán as encargadas de pechar a obra con ese ton positivo ante un futuro incerto, confiadas en que merecemos unha oportunidade na vida.
Estas son as historias que subxacentes na posta en escena de “Vidas entre lusco e fusco” son expostas de xeito intermitente, a saltos. Esa intermitencia, permite que personaxes e situacións se vaian entrecruzando dun xeito dinámico, mantendo a atención e a intriga até o final. Un final ou finais abertos cuxa solución fica á imaxinación do público.
En definitiva, unha cadea de enredos que conforman unha traxicomedia que expón estratexias de supervivencia entre as que destaca o humor, un humor que vai desde a ironía á parodia, adquirindo por momentos uns toques de humor negro.

https://fegatea.gal/grupo/grupo-de-teatro-das-aras/

 

Comparte nas túas redes

» Vídeo e imaxes

Súmate á FEGATEA

Se queredes disfrutar como grupo federado de todas as actividades que realiza a FEGATEA, podedes facer unha solicitude de adhesión co seguinte formulario.