Sobre nós
A Federación de tod@sQue facemos na FEGATEA?
As principais actividades que realiza a FEGATEA e das que poden gozar os grupos federados son as seguintes:
» Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán
Celébrase no Teatro Principal e no Salón Teatro de Santiago no terceiro cuadrimestre do ano. Participan seis grupos escollidos por un xurado.
» Circuíto Galego de Teatro Amador
Trátase dun Circuíto no que se fan máis de sesenta actuacións en alomenos 16 sedes repartidas polas catro provincias. A organización está ao cargo dun grupo federado en colaboración con asociacións ou administracións públicas.
» FEGATEA Móvete
Prográmanse distintas actuacións por medio dun sorteo entre os grupos que presentan as súas candidaturas.
» Fegateatro
Fanse convenios con concellos nos que se organizan entre catro e oito actuacións.
» Festival PLATTA
Actuación dun grupo representando á FEGATEA e participación de 4 actrices/actores e 1 director/a en Lecturas dramatizadas en tres idiomas (Portugués, Castelán e Galego).
» Formación
» Xornadas FEGATEA
As catro primeiras están relacionadas coa posibilidade de representar en diversas localidades de Galicia.
As actividades da PLATTA (Plataforma Teatral Transfronteiriza) lévanse a cabo en Portugal, Castela e León e Galiza. Nelas hai representacións e lecturas dramatizadas nos tres idiomas da plataforma.
No tocante á formación organízanse obradoiros de entre 8 e 16 horas de distintas disciplinas relacionadas coas artes escénicas. No 2020, por exemplo, fíxose un obradoiro sobre o Mapeado en vídeo con Resolume e no 2022 un de Maquillaxe.
Por último nas xornadas FEGATEA xuntámonos a reflexionar sobre a marcha da Federación e do teatro amador en xeral.
Arelas fundamentais
Formación dende todas as vertentes que conforman o feito teatral: actoral, dirección, técnico,…
Representacións teatrais establecendo canles que permiten a difusión dos traballos que os grupos veñen facendo.
Xornadas de encontro entre grupos e persoas relacionadas co mundo do teatro, sendo unha oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ao desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.
Breve historia
Cando temos aínda moi presente a celebración do noso XX aniversario no ano 2020, parece un momento moi axeitado para lembrar de onde vimos e os avances logrados nestes anos grazas o traballo incansable de moita xente (algunha de xeito continuado dende a propia xénese do proxecto). Por iso, esta breve historia pretende servir de recoñecemento a todas esas persoas e grupos que fixeron posible converter un fermoso soño nunha feliz realidade. Así foi…
» A fundación
No mes de decembro do ano 2000, concretamente o día 2, reuníronse na vila de Noia representantes de grupos de teatro amador toda Galicia dando comezo á andaina da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).
Ao día seguinte os xornais facíanse eco desta nova:
As sete da tarde de onte, quedou constituída na vila coruñesa de Noia a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), despois dunha xornada enteira de debate e discusión do borrador dos estatutos. A nova entidade comeza a súa singradura cun corpo de trinta grupos membros, procedentes das catro provincias. Os obxectivos cos que nace son o de promover o intercambio de experiencias entre as compañías non profesionais e loita pola normalización cultural e lingüística de Galicia.
» Os comezos
Un ano máis tarde, o 15 de decembro do ano 2001, na sede do Consello da Cultura Galega realizouse a presentación oficial da FEGATEA, na que participaron o crítico, escritor e profesor Manolo Vieites e o presidente da Confederación Estatal de Teatro Amateur (C.E.TA.) José Luis Prieto Ruiz, dúas persoas sumamente relacionadas co teatro afeccionado.
Poucos meses despois, en febreiro do 2002, a FEGATEA participou no I Congreso sobre Teatro que tivo lugar en Ourense co relatorio “Expansión e proxectos inmediatos”. No mes de abril dese mesmo ano organizouse o curso “Técnicas de Teatro”, impartido por Eduardo Alonso. Deste xeito, a Federación empezaba a participar en foros de debate sobre o teatro en Galicia e avanzaba nun dos piares básicos da súa razón de ser: a formación.
Por último, no mes de decembro dese ano 2002, frutifica outro dos fitos da FEGATEA, a organización do I Festival de Afeccionado “Agustín Magán” participaron sete grupos da Federación, que fixeron as súas representacións no Teatro Principal e no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A FEGATEA na súa valoración final manifestaba o seguinte: Tendo en conta que, dende unha perspectiva cultural o concepto de diversidade equivale a riqueza e creatividade, o Festival puido demostrar as boas posibilidades de proxección da actividade teatral amateur, debido á súa heteroxeneidade, e de actividades coma esta que amosen a pluralidade creativa.
»A evolución
Sentadas as bases sobre as que quería asentarse a Federación, o traballo seguinte consistía en facelas cada vez máis fortes. Así que, tocaba espallar este proxecto, chegar a todos os grupos de teatro amador co fin de darlle máis vigor, consolidalo e ser realmente unha organización que representase as inquedanzas e arelas de todos eles. O resultado de todo este esforzo tiña que permitir á FEGATEA poder mostrar a unión do teatro afeccionado ao redor dunha idea compartida.
Formación
Con este obxectivo fomentouse a organización de cursos específicos dende os propios grupos, pero tamén abrindo canles de colaboración para unha formación máis especializada como os conseguidos mediante convenios coa Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) ou co Centro Dramático Galego (CDG).
Así realizáronse cursos impartidos por profesores como: Eduardo Alonso, Mónica de Nut, Salvador del Río, Mario Tomás, Clara Fernández, Manuel Lourenzo, María Creo, Julián Herrero, José León, Laura Iturralde,… que permitiron a introdución, nalgún caso, ou perfeccionamento noutros, en aspectos tan diversos como: interpretación, iluminación, voz, dirección, maquillaxe, vídeo,…
Representacións teatrais
Obviamente, un obxectivo básico tiña que ser establecer canles que permitisen a difusión dos traballos que os grupos viñan facendo e que, na maioría dos casos, limitaban a súa representación ao ámbito local e, como moito, provincial. Con estas representacións polas catro provincias acadábanse dous propósitos, en primeiro lugar, dar a posibilidade de coñecer o traballo teatral de todos os grupos e, por outra parte, favorecer a convivencia e o intercambio de experiencias para maior enriquecemento de todos.
Co fin de lograr con éxito o cumprimento deste obxectivo, fóronse implementando e ampliando diferentes ámbitos de programación. O primeiro deles como xa se comentou foi o Festival “Agustín Magán”.
»Festival Agustín Magán
Dende a súa primeira edición organizouse este festival en Santiago de Compostela, de xeito ininterrompido, permitindo reunir unha selección, efectuada por un xurado nomeado ao efecto, dos espectáculos máis interesantes creados cada ano polos grupos federados. Este festival dá a oportunidade de actuar na capital de Galicia e nun dos seus espazos de referencia, no Salón Teatro ou no Teatro Principal.
Deste xeito, o festival actúa de estímulo á creación, á innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego. O Festival ven contando co apoio da AGADIC e do Concello de Santiago.
Os días 4, 5 e 6 setembro deste ano 2020 celebrouse a XIX edición.
» FEGATEA Móvete
O ano 2006 marcou un punto de inflexión no desenvolvemento da Federación. Un dos seus fitos foi o comezo da programación a través de FEGATEA MÓVETE, un certame de teatro afeccionado de réxime interno da Federación que ten por obxectivo estimular a representación teatral dos grupos da Federación. A súa marca de identificación ten que ver con que este certame ten a capacidade de “moverse” adaptándose a diferentes propostas do órgano regulador.
»Circuítos
O Circuíto Galego de Teatro Amador pódese considerar que é un dos grandes logros da FEGATEA. Esta actividade permite que cada ano en máis de quince localidades de toda Galicia poidan ter lugar máis de 60 representacións teatrais nas que se da prioridade a grupos de provincias diferentes á organizadora.
Esta actividade pode levarse a cabo grazas ao convenio de colaboración cultural que anualmente se asina coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
» Fegateatro
FegaTeatro xurde como proposta para achegar o teatro amador a espazos de nova creación, mesmo ós que non contan cunha dotación técnica axeitada, e a lugares onde non existe unha programación teatral estable de carácter profesional.
O obxectivo de FegaTeatro é ampliar a oferta cultural e contribuír a creación de novos públicos mediante unha programación estable e axeitada ás demandas de cada localidade.
A partir destas premisas, FegaTeatro configúrase como un ciclo de teatro amador que programa varias funcións ao longo do ano en diferentes espazos dunha localidade, distribuídas mensualmente e procurando manter a periodicidade das mesmas.
Dende o ano 2014 programáronse máis de 30 representacións en Santiago, Lugo, Sada, Ponteareas, Lalín e O Carballiño.
Xornadas
Ser un lugar de encontro entre grupos e persoas relacionadas co mundo do teatro era outro dos piares nos que había que asentarse, con esa finalidade creáronse as Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.
As primeiras Xornadas de Teatro FEGATEA organizáronse no ano 2006, tiveron como tema central de debate a “Distribución do teatro afeccionado”.
Outra cuestión interesante desta iniciativa é levar estas mesas de debate e reflexión por distintas localidades de Galicia: Santiago, Cangas, Brión, Salvaterra, Moaña, Lugo, Lalín,…
PLATTA
Un acontecemento transcendental no devir da Federación ocorre no mes de agosto do ano 2012 durante as VII Xornadas do Teatro, no que sería a 1a Mesa de Traballo sobre a cultura teatral transfronteiriza, celebradas na localidade de Salvaterra de Miño, coa constitución da Plataforma PLATTA (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador) como punto de encontro entre o teatro amador de Castela e León, Portugal e Galicia.
Formada nos seus inicios pola FEGATEA, FETACYL (Federación de grupos de Teatro Aficcionado de Castilla y León), Comédias do Minho e a Revista Galega de Teatro (Erregueté).
Os días 1 e 2 de decembro, Comédias do Minho organizou a 2a Mesa de Traballo da Plataforma PLATTA en Valença. O obxectivo desta segunda xuntanza foi continuar co traballo iniciado en Salvaterra, centrándose na elaboración dun calendario de intercambio e perfilar o acordo formal da plataforma.
PLATTA establece varias áreas de acción que se van consolidando co paso dos anos:
- » Xornadas de teatro que inclúen mesas de traballo e obradoiros de lecturas dramatizadas en 3 linguas.
- » Apertura das actividades formativas organizadas por cada entidade aos compoñentes das demais.
- » Celebración de 3 festivais anuais transfronteirizos de teatro, en Castela e León, Portugal e Galicia.
En novembro de 2017 asínase un novo convenio no que a parte portuguesa queda representada polo Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana/ TEIA – Teatro em Iniciativa Associativa.
Formamos parte
Premio FEGATEA
O Premio FEGATEA á Animación Teatral nace coa vontade de por de relevo o labor a prol do teatro amador dunha persoa, colectivo ou entidade de Galicia, España ou no mundo (nesta orde de preferencia).
Valórase, principalmente, o labor sociocultural e a súa repercusión. O achegamento da cultura das artes escénicas ás poboacións xeralmente afastadas dela e a promoción social de colectivos marxinados ou desfavorecidos a través da práctica do teatro. Premiarase unha traxectoria ou ben unha determinada acción de especial relevo.
Pois ben, o I premio FEGATEA outorgouse no ano 2010, coincidindo coa celebración do seu X aniversario, á Revista Galega de Teatro. A partir dese momento, e con carácter bianual, foron merecentes deste premio o Proxecto Teatral Buxiganga da Deputación Provincial de Lugo (2012), a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2014), Manuel Lourenzo (2016), ESAD (2018), e na súa VI edición, dentro dos actos do XX aniversario, á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (2020).
Recoñecementos
Ao longo dos seus 20 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, espazo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa, labor que foi recoñecido a nivel estatal con dous premios.
» Premio Tablas 2012
No mes de abril do ano 2012 a Federación de Teatro Afeccionado da Comunidade Valenciana (FTA-CV) outorgáballe este premio á FEGATEA pola súa achega ao fomento e desenvolvemento do teatro afeccionado e pola súa sorprendente traxectoria. A entrega tivo lugar en Vila Real (Castellón).
» Mellor Federación Teatral de Teatro Amador 2016
No ano 2016, o premio á mellor Federación Teatral de Teatro Amador do territorio nacional. O premio foi concedido pola Federación de Teatro Afeccionado de Castela e León. A entrega tivo lugar en Lugo.
» Premio da Cultura Galega 2020
No mes de decembro do ano 2020, chegou un día de ledicia e honra para a FEGATEA coa concesión do Premio da Cultura Galega 2020 na categoría de Artes Escénicas. Este é o maior recoñecemento cultural que outorga a Xunta de Galicia que, en palabras do seu presidente, “pon en valor non só o voso talento e excelencia creativa, senón tamén o voso compromiso coa difusión da nosa cultura“.
Súmate á FEGATEA
Se queredes disfrutar como grupo federado de todas as actividades que realiza a FEGATEA, podedes facer unha solicitude de adhesión co seguinte formulario.